Cando alguén me di “preciso un logo”, case nunca é o que necesita. Necesita que a súa empresa se recoñeza, se entenda e se recorde, e o logotipo é unha parte pequena diso.
O que queda fóra cando só pides un logo
- Que di a túa empresa de si mesma: a mensaxe, o ton, as palabras que si e as que non.
- Como se ve en todos os sitios: a web, o packaging, unha presentación, unha sinatura de correo.
- Que te diferencia de quen fai o mesmo ca ti.
- Como o aplica o teu equipo sen depender de quen o deseñou.
Unha proba sinxela
Tapa o nome da túa empresa na túa web, nunha proposta e nunha tarxeta. Se alguén alleo pode dicir que son da mesma empresa, a túa identidade funciona. Se cada peza parece dun provedor distinto, o problema non é o logotipo.
Cando si abonda con retocar o logo
Se a túa identidade xa ten criterio e só está desactualizada, un refresco pode ser suficiente. Antes de propoñerche un cambio completo, avalío que se mantén e que mellora. Podes ver como traballo o branding ou contarme que tes agora.