Contratar un consultor de márketing é unha decisión que move diñeiro e tempo, e é fácil equivocarse porque case todos prometen o mesmo. Estas preguntas axúdante a distinguir a quen ten método de quen só ten un bo discurso. Serven igual para un autónomo, unha consultora ou unha axencia.
1. Que queres conseguir e como o van medir?
Unha boa consultoría empeza polo teu obxectivo, non polos seus servizos. Pregunta como definirán o éxito e con que indicadores o medirán. Se a resposta é “máis visibilidade” sen nada que se poida comprobar, pide máis concreción. Os resultados que importan son os do teu negocio: consultas, oportunidades, clientes, horas aforradas.
2. Que método seguen?
Pide que che expliquen como traballan, paso a paso: que fan primeiro, que analizan, que entregan e cando. Unha persoa con método adoita empezar por escoitar e diagnosticar antes de propoñer nada. Desconfía de quen che ofrece unha solución pechada antes de coñecer o teu negocio.
3. Quen fai realmente o traballo?
Pregunta quen vai estar no teu proxecto e quen te atenderá. Nunha axencia pode que o equipo que vende non sexa o que traballa. Cun consultor independente saberás con quen falas, pero convén preguntar que pasa cando fai falta un desenvolvedor, un editor de vídeo ou un fotógrafo, e como se coordinan.
4. Traballaron con empresas como a túa?
Non fai falta que sexa o teu sector exacto, pero si que entendan como compra o teu cliente. Pide casos reais e pregunta que necesitaba cada cliente e que se fixo. E ollo cos resultados: se non se explica que se mediu e como, unha cifra solta non significa nada.
5. Como será a comunicación?
Pregunta con que frecuencia haberá reunións, que informes recibirás e canto tardan en responder. Un bo provedor explícache o que ocorre nunha linguaxe que entendas, non con xerga que oculta se funciona ou non.
6. Que inclúe o prezo e que non?
Pide o alcance por escrito: que entregables, que prazos, cantas revisións e que pasa se o proxecto cambia. Aclara que se cobra á parte, como a inversión en publicidade, as ferramentas ou o aloxamento. Compara propostas polo que inclúen, non só polo importe.
7. Que pasa cando remate o proxecto?
Pregunta quen é o propietario dos arquivos, das contas e dos accesos. Todo o que se faga coa túa marca debe ser teu e estar documentado, para que non quedes atado a ninguén.
Sinais de alerta
- Promete o primeiro posto en Google ou resultados garantidos. Ninguén controla os buscadores nin o mercado.
- Non pregunta case nada sobre o teu negocio antes de orzamentar.
- Evita falar de como medirá os resultados.
- Usa plantillas idénticas para todos os seus clientes sen adaptar nada.
- Presiona para que decidas xa, con ofertas que caducan.
O que convén facer
Fala con dous ou tres candidatos, compara como te escoitan e como explican o seu método e pide referencias. Elixe a quen entenda o teu obxectivo, sexa claro co que non pode prometer e che dea a sensación de que seguirá sendo útil dentro de seis meses.
Seguinte paso
Se queres ver como traballo, podes ler a miña proposta de estratexia de márketing dixital ou contarme o teu obxectivo e vemos se ten sentido traballar xuntos.