Un bo proxecto de márketing ou de deseño comeza cun bo briefing: un documento breve onde explicas que precisas, para quen e por que. Canto máis claro sexa, menos voltas, menos revisións e menos diñeiro perdido. Esta guía recolle as preguntas que convén responder antes de falar con calquera provedor.
1. Quen es e que fas
En poucas liñas: que vende a túa empresa, a quen, desde cando e que te diferencia. Escríbeo como llo contarías a alguén que non coñece o teu sector.
2. Que problema queres resolver
Non “unha web nova”, senón “non nos chegan consultas de clientes do tamaño que buscamos”. O problema decide a solución. Se empezas pola solución, podes acabar pedindo algo que non resolve o que che preocupa.
3. Que esperas conseguir e como o medirás
Máis consultas, mellores clientes, entrar nun mercado ou que se recoñeza mellor a túa marca. Se podes, indica o punto de partida e que che parecería un bo resultado. Se non o sabes, dío: definilo é unha das primeiras tarefas do proxecto.
4. A quen te diriges
Tipo de empresa, cargo de quen decide, sector e zona. Canto máis concreto, mellor: “pemes industriais de Galicia” di moito máis ca “empresas”.
5. Que hai xa feito
Web actual, redes, materiais, anuncios, logotipos, e o que funcionou e o que non. Indica tamén con que provedores traballas, para coordinarse con eles e non duplicar esforzos.
6. Competencia e referencias
Dous ou tres competidores e dous ou tres exemplos de comunicación que che gusten, co que che gusta de cada un. Serven para entender o teu criterio, non para copiar.
7. Orzamento, prazos e quen decide
Un rango de orzamento e unha data límite razoable aforran propostas que non encaixan. Indica tamén quen aproba e cantas persoas deben dar o seu visto e prace: aí perdese moito tempo.
Erros frecuentes
- Pedir un entregable en lugar de explicar un problema.
- Agochar o orzamento por medo a que suba o prezo.
- Cambiar o obxectivo a metade do proxecto sen avisar.
- Que opinen moitas persoas sen unha única persoa que decida.
- Non dar a tempo a información ou os accesos necesarios.
Que facer co briefing
Envíao a dous ou tres provedores e fíxate en que preguntas che fan. Un bo provedor non se limita a orzamentar: cuestiona o plantexamento, pide os datos que faltan e déixache claro o que non recomenda.
Seguinte paso
Se prefires que o constrúamos xuntos, podes ler sobre estratexia de márketing dixital ou contarme a túa situación e empezamos cunha conversa.