Refacer unha web é unha boa ocasión para mellorar, e tamén para perder posicións en Google se non se fai con coidado. Moitas empresas estrean unha web preciosa e descobren semanas despois que deixou de recibir visitas. Esta guía recolle o que convén revisar antes de publicar.
1. Que páxinas che traen visitas hoxe
Antes de tocar nada, mira en Search Console e na túa analítica que páxinas reciben visitas e consultas. Esas son as que máis hai que coidar: conservalas, melloralas ou redirixilas de forma correcta.
2. Fai un inventario de enderezos
Lista todos os enderezos da túa web actual. Para cada un decide se se mantén, se fusiona con outro ou se elimina. O que non se decide agora perdese, e un enderezo que desaparece sen máis devolve un erro a quen chega desde Google.
3. Redireccións 301
Cando un enderezo cambia, hai que redirixilo ao novo cunha redirección permanente, á páxina máis parecida e non sempre á portada. Se todo se redirixe á home, Google interprétao como un erro. Comproba que non haxa cadeas de redireccións nin bucles.
4. Títulos, descricións e textos
Se unha páxina posiciona grazas ao seu título ou aos seus encabezados, cambiar todos os textos de golpe pode facer que perda esa posición. Mantén o que funciona e mellora o demais con criterio, conservando a intención de busca de cada páxina.
5. Estrutura e ligazóns internas
Unha web nova debe conservar ou mellorar a forma en que as páxinas se enlazan entre si. Comproba que os servizos importantes sexan accesibles desde o menú e desde outras páxinas.
6. Idiomas
Se hai versións en varios idiomas, cada unha debe estar sinalizada coas súas etiquetas hreflang e ter o seu propio enderezo. Un erro aquí fai que se mostre ao cliente a versión equivocada.
7. Velocidade, móbil e accesibilidade
Unha web nova máis lenta ca a anterior perde posicións. Próbaa no móbil e mide a velocidade antes de publicar.
8. Mapa do sitio e Search Console
Ao publicar, envía o mapa do sitio e revisa durante as primeiras semanas se aparecen erros de rastrexo ou páxinas excluídas.
Lista antes de publicar
- Inventario de enderezos e destino de cada un.
- Redireccións 301 probadas, sen cadeas nin bucles.
- Títulos, descricións e encabezados revisados.
- Idiomas sinalizados correctamente.
- Mapa do sitio enviado e Search Console configurado.
- Analítica funcionando, con consentimento de cookies.
- Copia de seguridade da web anterior.
Despois de publicar
Durante dúas ou tres semanas revisa Search Console cada poucos días, corrixe erros e compara visitas e consultas coas do período anterior. Unha baixada pequena e temporal pode ser normal. Unha caída que se mantén indica que algo fallou.
Seguinte paso
Se vas renovar a túa web, podes ler sobre deseño web e sobre posicionamento SEO, ou contarme o teu caso.